2º CONCENTRACION DE VEHICULOS CLASICOS VILA DAS PONTES

2º CONCENTRACION DE VEHICULOS CLASICOS VILA DAS PONTES

A paixón polos coches clásicos desbordou onte a vila das Pontes.

Veciños e miles de visitantes percorreron, aproveitando a xornada de sol e boa temperatura, as principais rúas da localidade mineira para contemplar as xoias de catro rodas, algunhas case centenarias, que se deron cita na segunda concentración impulsada polo Concello.

Un encontro no que participaron máis de 250 vehículos. Os amantes do motor tiveron ocasión de inmortalizar automóbiles con soleira, como «A loura», un modelo de doce prazas de Chevrolet, que a finais dos anos vinte percorría as feiras do país. Aínda que o abanico para elixir era inmenso.

A exhibición, primeiro nas prazas da vila e logo na contorna do lago, onde se celebrou, tras a sesión vermú, unha multitudinaria comida, facilitou que os curiosos que se achegaron ao municipio puidesen ver de preto e fotografarse xunto aos seus modelos ou marcas favoritas.

Un percorrido pola mostra permitía observar como evolucionou o deseño ao longo de todo o século XX. Non en balde, participaron vehículos dos anos vinte, trinta, corenta e, de aí, en diante. Unha viaxe no tempo que propiciou o reencontro nostálxico dos máis maiores cos turismos nos que aprenderon a conducir. E á vez permitiu que os máis novos descubrisen máis aló da internet, a tele e as fotos, como eran os coches que utilizaban os seus avós e os seus bisavós.

A edil de Turismo, hostalería, comercio e emprego, Ana Pena, cualificaba a iniciativa de «éxito rotundo», tanto pola elevada participación -moito maior que na pasada edición, na que se contaron uns 170 vehículos- como de visitantes.

«O evento busca fundamentalmente dinamizar a economía local, favorecendo a chegada de visitantes e que os veciños saian á rúa», explicaba a concelleira, antes de anotar o impacto importante que a iniciativa ten na hostalería e o comercio locais. Detalla que coa idea de incrementar os beneficios que deixa no pobo, o concello apostou na presente edición por adiantar o inicio da concentración ao sábado, xornada na que se expuxeron e puidéronse comprar vehículos clásicos e recambios para eles.«Houbo moitísima xente na rúa. Ademais dos participantes, a concentración atraeu a numerosos turistas durante o fin de semana», conclúe Pena.

A cita contou con vehículos chegados de boa parte da Península. De feito, ademais dunha importante presenza asturiana e leonesa, rexistráronse automóbiles chegados desde Madrid e desde Barcelona. Concretamente, tal e como apuntan desde a organización, desde estas cidades chegaron nada menos que dúas Mercedes, datados en 1943 e 1954, respectivamente.

A segunda Concentración de coches clásicos das Pontes concluíu, como non podía ser doutra maneira, coa entrega de premios. Galardóns que recalaron, entre outros, no auto máis antigo de cuantos deixáronse ver na vila, nos chegados desde un punto máis afastado da xeografía ou no que se atopaba mellor restaurado, a xuízo da organización.

Amigus.org