A Romaría da Fraga culmina as festas das Pontes con 10.000 participantes
As festas do Carme, que case todo este mes encheron a vila das Pontes de actividades de ocio, remataron onte no parque de Dona Rita onde, un ano máis, a romaría da Fraga congregou nada menos que a unhas 10.000 persoas.
Máis cansanzo acumulando durante a fin de semana, xa que a festa coincidiu en domingo, foi a única novidade que fontes da policía local das Pontes salientaron respecto da Romaría da Fraga que este ano volveu ter as características de sempre: alegría, calimocho, cervexa e, neste caso, bo tempo. Ao redor de 10.000 persoas, na súa maioría xente moza, concentráronse desde onte nas proximidades do parque de Dona Rita, onde ten lugar o encontro festivo. Unhas 300 casetas construídas para a ocasión reflexaban a forza dunha romaría chea de intensidade e vigor festivo, onde o viño acaba converténdose en lama e a suciedade en motivo de festa. A romaría de onte culminou as festas do Carme das Pontes que comezaron o pasado día 10 de xullo, coa celebración do Día da Bicicleta. Polo medio, numerosas actividades: animación de rúa, cine, teatro, etc., e algún ex triunfito como Chenoa ou o inefable Bustamante, que se pasaron a dar unha volta pola vila pontesa e de paso interpretaron algún dos seus temas. Así, ata esta fin de semana onde se concentraron as actividades que congregaron a un maior número de visitantes. O venres celebrouse o festival Nabiza Rock, que este ano tivo aos cataláns Sidonie como á cabeza de cartel. O sábado o turno foi para o festival folk e onte mesmo para a propia romaría da Fraga. Ademais de viño e alegría, o encontro foi animado pola charanga Os Ponteses, a quen seguíu o espectáculo de malabares de Roi Sixto, titulado “Roi o Cagabolas”, organizado polo Grupo Ecoloxista Niño do Azor. Posteriormente, os Kilomberos de Monte Alto tamén percorreron cos seus tambores a Fraga de Dona Rita para amenizar a espera ata o inicio da verbena nocturna que contou coa participación de Nova Palma e Foliada.
Fuente:La Voz de Galicia
lunes, 26 de julio de 2010