Adrián López xogará na liga danesa

Tras militar dúas campañas no equipo subcampión da última Champions League da Concacaf, o Montreal Impact canadiense, nas que apenas puido xogar por dúas graves lesións, unha vez recuperado, o pontés Adrián López decidiu probar fortuna no fútbol europeo, e estas últimas semanas estivo adestrando co Aarhus GF da Liga Danesa.

Adestrou co grupo e xogou dous encontros amigables, e no clube quedaron moi contentos das súas prestacións, por iso lle ofreceron un contrato, pero será só, de momento, ata final de ano, para ver como vai evolucionando físicamente nestes meses tras pasar case dous anos sen poder xogar.

A Liga danesa 2015-16 contará con doce equipos e o Aarhus GF incorporarase á primeira categoría como o derradeiro integrante ó ser o segundo ascendido da campaña anterior, 2014-15, xunto ao Viborg FF, que quedou campión da Segunda División. Os outros conxuntos son o campión FC Midtjylland, FC Copenhagen, Brondby IF, Randers FC, AaB Aalborg, FC Nordsjaelland, Hobro IK, Esjberg FB, OB Odense e Sonderjyske.

A pesar de ser recén ascendido, o Aalborg GF é un histórico no fútbol danés, gañando 5 Ligas, e 9 Copas, sendo o conxunto con máis títulos nesa competición seguido con 6 por FC Copenhague, Brondby IF e Velje BK.

Iso si, fai 19 anos que non logra un título. Participou en competicións europeas, sendo eliminado da antiga Copa de Europa polo Sevilla FC en 1957-58, e da UEFA polo FC Barcelona na 1988-89.

O seu estadio, NRGI Park ten capacidade para máis de vinte mil espectadores. Nos dous amigables xogados estes días empataron 2-2 co sexto clasificado da pasada Liga, FC Nordsjaelland, e perderon 2-1 co campión FC Midtjylland.

No plantel atopamos nesta última campaña a David Cortés, lateral dereito de 35 anos, ex Extremadura, Mallorca (co que gañou a Copa), Getafe, Hércules, Granada e Zaragoza. A día de hoxe o plantel está formado por dezaseis daneses, dous xeorxianos, un noruego, un islandés, un croata, un irakí e Adrián.

[amigus.org]