As Pontes disfrutou das finais da Copa Xunta de Galicia de Fútbol Sala 2015

As Pontes disfrutou das finais da Copa Xunta de Galicia de Fútbol Sala 2015

[@migus.org – AF e XF] O Pavillón da Fraga estivo ateigado por preto dun milleiro de afeccionados, que apenas collían nas gradas e a localidade pontesa recibiu a visita de ilustres persoeiros, dende o ex seleccionador español ata laureadas campioas do mundo deste deporte. Destacaron a presenza de Javier Lozano Cid, presidente da Liga Nacional de Fútbol Sala, ex seleccionador español que gañou os Mundiais de Guatemala 2000 e China Taipei 2004, os dous únicos que perdeu Brasil, e as Eurocopas de España 1996, Rusia 2001 e República Checa 2005. Tamén fixo presenza o Presidente da Federación Galega de Fútbol Sala e Francisco Fernández.

BURELA FSF – OURENSE ENVIALIA FS (7-0)

A primeira final en xogarse foi a feminina, as 19:00, e enfrontaba ó terceiro clasificado da Liga Española Feminina, Burela, contra o sexto, Ourense Envialia. O partido non tivo color. Ben é certo que o Ourense non puido contar con dúas xogadoras importantes por motivos laborais, entre elas a mítica xogadora internacional ferrolá, Bea Seijas, e queixouse o cadro ourensán, con razón, de que a federación non lle ofreceu outra alternativa nun día que non era festivo. Tampouco estaba por lesión a gran porteira Vanessa Barbera), gañadora de dúas medallas de prata e tres de bronce en Mundiais coa selección española. Por unha parte xogaba o Burela, coa porteira cinco veces campioa do Mundo con Brasil, Jozi, a peche carioca Gaby, tricampioa mundial, as internacionais, española, Peque, e xaponesa, Shiori, e a prometedora brasileira Taima. Pero polo outro bando tamén había un equipazo, pois no Ourense Envialia estaban catro internacionais españolas como Sara Moreno, Laura Fernández, Marta Rodríguez e Rosangela. Pero o partido non tivo color, o Burela foi o claro dominador e os goles foron caendo un tras outro. Na primeira metade abriu a lata Peque tras bater por debaixo das pernas a Chev (4´). Logo marcaron Taima de tiro cruzado (7´), a campioa do mundo Gaby tras rematar e desviar unha defensa (12´), e redondeou a primeira parte a xaponesa Shiori de forte disparo (18´), 4-0. Máis do mesmo na segunda parte, onde marcaron Maite (24´) e Peque (28´), a pracer, tras pases en bandexa de Gaby e Shiori, e puxo o 7-0 definitivo a porteira pentacampioa do Mundo, Jozi, dende a súa portería (35´). Ademais, as da Mariña lucense fixeron dous postes.  Xogaron polo Burela, Jozi, Claudia, Peque, Gaby e Shiori de inicio e despois entraron Cris, Kiko, Patri, Bea, Maite, Paula e Taina. Polas ourensáns Chev, Chiky, Rosangela, Laura Fernández e Sara Moreno de inicio, e despois Ana, Marta Rodríguez, Peque, Paloma e María. Arbitraron Dacal Deza, de Vigo, e Varela Señarís, de Santiago.

final_copa_feminina_0012

final_copa_feminina_0013

final_copa_feminina_0037

SANTIAGO FUTSAL – O PARRULO FERROL FS (3-7)

A final masculina comezou ás 21:30, e moitos afeccionados da cidade departamental acudiron a ver ó Parrulo. Enfrontábanse o Santiago Futsal, na zona media da Primeira División española, e O Parrulo de Ferrol, nos postos baixos da Segunda División. O conxunto santiagués conta co internacional español Diego Quintela, e curiosamente o seu adestrador, Santiago Valladares, xogou con España a primeira edición do Mundial de Fútbol Sala, Holanda 1989, aquel Mundial para o que o pontés Fernando Bouza fora un dos tres porteiros descartados. Pero O Parrulo, dirixido por Diego Ríos, xogou ó 110%, con moita ilusión, tremendamente motivados coas gradas abarrotadas polos seus afeccionados, e deron a gran sorpresa. A pesar de que se adiantou o Santiago tras un remate de Santi Valladares fillo, que rexeitou Canoli, e aproveitou o internacional español Diego Quintela, para marcar a porta baleira (5´), non se apoucou o conxunto ferrolán, e tras quedar so Pana, bateu con mestría a Vara (8´) e posteriormente o mesmo capitán departamental, tras aproveitar coa caña preparada un rexeite de Vara a tiro de Jacobo poñía o 2-1 antes de chegar ó descanso (15´). Seguiu dominando O Parrulo, e no reinicio un gol do ex xogador do Esteo Rubi tras regatear ó porteiro Iker López (21´), e outro golazo de Chicha, que se plantou ante Iker e marcoulle de vaselina pinzando o balón por riba do porteiro, entrando mansiño, puxeron un incontestable 4-1 no marcador (25´). Sacaron ós santiagueses a Hugo de porteiro xogador pero foi o ex internacional español universitario Iago Socastro o que poñía o 5-1 dende o seu campo (32´). Nos últimos minutos puxo o medo no corpo o Santiago Futsal, tras achegarse no marcador, tras un gol polo escuadro de Lucas Bolo (34´) e outro de Gallego tras desviar un defensa (36´). Pero, sen porteiro na pista os santiagueses, aproveitaron a circunstancia Alex (39´) e o veterano e gran porteiro Canoli (40´) para redondear o 7-3 definitivo confirmando a gran sorpresa da Copa dun Parrulo que xa eliminara ó Burela nos penaltis. O cadro de Segunda División gañou o título de forma moi merecida tras derrotar ós dous grandes galegos. Resaltar que dous ex xogadores do Esteo, o dianteiro Rubi e o porteiro Chotto, levantaron a Copa. Xogaron polo Santiago: Marcos Vara, Chino, Iván Rumbo, Borja e Lucho, saíndo despois Lucas Bolo, Gallego, Tallón, Hugo, Santi, Quintela e Iker López. Polo Parrulo xogaron de saída Canoli, Alex, Iago Socastro, Jacobo e Chicha, e a continuación Martín, Íñigo, Pana, Isma e Rubi. Arbitraron Fernández Becerra de Lugo e Arca Blanco de Vigo, que amoestaron a Gallego e Hugo polos santiagueses, e Diego Ríos, Alex, Socastro e Pana polos ferroláns.

final_copa_masculina_0014

final_copa_masculina_0015

final_copa_masculina_0049