As Pontes repartirá 500 euros en premios no Concurso de caracterización da V Cita coa Historia

 

O Concello de As Pontes repartirá 500 euros en premios no Concurso de caracterización da V Cita coa Historia, que se celebrará os días 15 e 16 de setembro. Haberá cinco categorías: individual infantil xuvenil (menores de 18 anos); parella infantil xuvenil; individual adultos; parella adultos e grupo de todas as idades.

Poderán participar no concurso aquelas persoas caracterizadas con vestimentas que xiren en torno ao mundo galaico-romano, podendo participar con indumentarias exclusivamente galaicas ou romanas. Para poder participar no concurso será necesario fotografarse no photocall da Praza da Igrexa entre os días 15 e 16 de setembro.

O sábado 15 o horario será de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 20:00 horas e domingo 16 será de 12:00 a 14:00 horas. As persoas participantes deberán asinar un documento de uso de cesión de imaxes. No caso de grupos será unha única persoa a que asine no nome de todos. En caso de menores de idade será un proxenitor ou titor legal quen asine dito documento.

Os premios serán vales de compra no comercio e hostalaría local, valorados entre 50 e 200 euros. Na categoría individual infantil xuvenil o premio será un vale de 50 euros; na categoría parella infantil xuvenil o premio será un vale de 100 euros.

Na categoría individual adultos o premio será un vale de 50 euros. Na categoría parella adultos o premio será un vale de 100 euros. E na categoría de grupo o premio será un vale de 200 euros.

O xurado reunirase o domingo 16 de setembro para ditaminar os participantes gañadores en base aos seguintes criterios técnicos: materiais empregados na confección da vestimenta; adaptación histórica da vestimenta á época galaico-romana e confección e deseño de complementos.

A entrega de premios realizarase o domingo 16 de setembro ás 19:00 horas no photocall instalado na Praza da Igrexa.

Ferrol360