As vodas de ouro dos Tritóns de Saa

As vodas de ouro dos Tritóns de Saa

 

A de mañá será unha xuntanza especial; a agrupación celebra o cincuenta aniversario desde que José López «Balmanya» puxera en marcha o equipo

Na época na que xogadores como Amancio ou Cruyff levantaban paixóns entre os afeccionados ao fútbol, nunha parroquia de As Pontes comezaba a despuntar un equipo: Os Tritóns de Saa. Corría a tempada 67-68 cando José López, máis coñecido como Balmanya -facendo seu o nome do que fora o exseleccionador nacional-, creaba a agrupación. Uns inicios que o propio fundador lembra cunha memoria envexable: «Na primeira copa que xogamos, xa triunfamos. Foi un 15 de agosto en Ribadeume e, despois de ter que xogar a prórroga, gañamos grazas a un gol de Bermúdez». Foron os primeiros lances dun equipo que xogou por toda a comarca, pero tamén en municipios como Ordes, a veciña Vilalba ou A Coruña. Así o fixeron ata a década dos 80, momento no que Os Tritóns de Saa deixaron paso ao equipo da parroquia que aínda durou ata principios do século XXI.

Confraternidade

Días antes de que as vellas glorias dos Tritóns de Saa se reúnan -como fan desde fai uns anos na súa comida anual- La Voz convocou a unha representación do equipo na propia parroquia. O fundador -acompañado por Fernando, Luis Seoane, José Andrade O moreno, Meizoso, Graña, Manuel Vázquez Pereda, Rodrigo Fornos, Bermúdez, Paco Maceira e Francisco Caaveiro Bobby- pisaba de novo o actual campo de fútbol de Saa e subliñaba que «poder reunirse é unha cousa moi bonita. Aproveitamos para recordar os bos tempos e contar anécdotas». Unha xuntanza que recuperaron fai 12 anos Pepe Fornos e Manuel Meizoso para «poder encontrarnos porque se non nos xuntamos por isto, non teríamos a oportunidade de poder vernos todos». Encontros nos que, explican, sacan os seus mellores sorrisos. «Hoxe xa estiven alegre todo o día só ao recordar moitos dos momentos vividos», aseguraba Seoane. Ledicia que se mestura cunha certa nostalxia ao lembrar aos que xa non están. Entre eles, Portodoliño, Ramos e Che. «Acordarémonos deles, non só polo bos futbolistas que eran senón, sobre todo, porque aínda eran mellores persoas», sinalaba Bermúdez. Precisamente, el é o xogador que, de forma unánime, os seus excompañeiros cualifican como «o mellor de todos, dáballe ben co pé e coa cabeza». O equipo, tal e como resalta Maceira, «era un berce de futbolistas para os habitantes que había aquí». E iso que, engade Graña, «non se adestraba como agora. A pesar diso, estabamos practicamente en todas as finais». Por iso, remata Balmanya, «cando se federaron os equipos levaron xogadores de aquí a feito».

A saga dos Tritóns continuou anos despois da man dos fillos de dous dos seus integrantes: Diego Bermúdez, presente noalcorconazo, e Enrique Fornos, nas filas do Fabril. E as vellas glorias, ¿volverán a enfundarse na camisola verde e branca? «Non habería problema», responden ao unísono. «Para o ano haberá que intentar facelo aproveitando o novo campo artificial que imos ter en As Pontes», indica Fornos. Cinco décadas despois da súa creación, Os Tritóns de Saa poderían volver a saltar ao terreo de xogo. Iso si, subliñan, «só para dar uns toques».

«Este equipo era un berce de futbolistas para os habitantes que había aquí»

La Voz de Galicia