CD As Pontes, Deportivo da Coruña e Racing de Ferrol, vencedores do I Torneo Fútbol-8 de As Pontes

CD As Pontes, Deportivo da Coruña e Racing de Ferrol, vencedores do I Torneo Fútbol-8 de As Pontes

[amigus.org – AF]  Coa asistencia de máis de mil persoas este domingo 22 de xuño celebrouse nas instalacións deportivas do Poboado a primeira edición do Torneo de Fútbol-8 organizado polo Club Deportivo As Pontes e que contou coa participación de preto de 300 futbolistas de 24 equipos vidos de diversas cidades e vilas galegas. Sorprendentemente o CD As Pontes alzouse co triunfo na categoría alevín ó vencer na quenda dos penaltis ó Rápido de Neda, xa que o partido rematou con empate a dous goles despois de adiantarse o conxunto nedense cun 0-2 e remontar os ponteses na segunda parte. Na categoría benxamín, Deportivo da Coruña e Lugo foron os absolutos dominadores chegando á final sen perder un partido. Unha final na que o Deportivo coruñés amosou a súa superioridade ó vencer ós lugueses por un claro 5-2. Finalmente na categoría prebenxamín o gañador foi o Racing de Ferrol, que na primeira parte dominou claramente ó CD As Pontes que saíu moi nervioso neste partido. Sen embargo, no segundo tempo os ponteses xogaron mellor e estiveron a piques de remontar; pero, non había tempo para elo e ó final perderon por 7-5, co que o trofeo foi para terras ferrolás. Ó remate desta maratoniana xornada de fútbol, con corenta partidos disputados, incluído un partido de categoría biberón entre o CD As Pontes e o Galicia de Mugardos, membros da comisión de festas, patrocinador deste torneo xunto ó concello pontés, fixeron entrega dos trofeos ós gañadores.