CD As Pontes, Racing de Ferrol e Somozas disputan este domingo o XXIII Trofeo Vila de As Pontes

CD As Pontes, Racing de Ferrol e Somozas disputan este domingo o XXIII Trofeo Vila de As Pontes

[@migus.org – AF] Este domingo, 27 de xullo, dispútase a vixésimo terceira edición do Trofeo Vila de As Pontes nun triangular entre o Club Deportivo As Pontes, Racing de Ferrol e a Unión Deportiva Somozas, flamante novo equipo da Segunda División B. O torneo comezará ás sete do serán (19,00) no campo do Poboado con entrada gratuíta. O Concello de As Pontes patrocina este torneo. Os tres conxuntos iniciaron hai uns días a súa preparación de cara a vindeira tempada, con un Racing de Ferrol que se marca como obxectivo disputar a promoción de ascenso á Segunda División mentres que o Somozas ten como reto lograr a permanencia na categoría de bronce do fútbol español. Pola súa banda, os ponteses tratarán de superar a excelente campaña da pasada liga, na que estiveron a piques de xogar a fase de ascenso. Na historia deste trofeo pontés, que se disputou por primeira vez no ano 1974 entre o Racing Vilalbés e o entón Club Deportivo Endesa con vitoria do conxunto chairego por 3-2, o Racing de Ferrol gañouno en tres ocacións de seis participacións. A primeira en 1977 contra o Endesa (4-1), a segunda en 1978 fronte a unha Selección da Ría (1-1, 4-3 nos penaltis) e a última en 2005 ó vencer ó As Pontes por 2-0. Pola súa banda, o conxunto pontés foi vencedor en cinco edicións de dezaoito participacións. En 1986 goleou ó Racing Vilalbés por 5-1 e ó ano seguinte ó Racing de Ferrol (4-0). Nos anos 2006, 2008, 2010 e 2013 o Club Deportivo As Pontes logrou o trofeo ó vencer ó Deportivo B, Club Deportivo Lugo, Racing Vilalbés e Racing de Ferrol, respectivamente, perdendo as edicións de 2011 e 2012 ante o Deportivo da Coruña e o Club Deportivo Lugo. Para o Somozas esta é a súa primeira participación no torneo pontés.

TROFEO-DAS-PONTES-2014