Dos colectivos locales despedirán con sendas exposiciones el Mercado Vello

Dous colectivos locais, Amigos da Madeira e Artpo, serán os encargados de despedir a sala de exposicións do Mercado Lanuxe coa última actividade que acollerán as súas instalacións. Abrirá este domingo e permanecerá ata o día 17.

O histórico inmoble, dos anos 60, será demolido a finais deste mes, nun paso máis do Concello cara á creación do edificio multiusos que se proxecta na súa localización, dentro da aposta do goberno local por remodelar o centro urbano da localidade.

A adxudicación da obra, que inclúe a demolición de todos os edificios anexos ao mercado e a habilitación dunha zona de lecer e esparexemento provisional, adxudicouse á empresa local Canosa SL por un importe de 128.328 euros, que se financiará con cargo ao plan único e o POS da Deputación da Coruña.

«O Mercado Lanuxe cumpriu un salientable papel acollendo mostras de todo tipo nestes anos e queremos darlle unha última exposición con dúas entidades locais e cadrando coas datas da Feira do Grelo e ou Entroido», indica a tenente de alcalde das Pontes, Montserrat García.

A demolición incluirá toda a mazá dos antigos edificios do mercado, entre a Avenida de Ferrol e a rúa Ramón Cabanillas, desde o local da asociación de alcohólicos rehabilitados Adiante ata o solar que ocupaba a Casa de Don Pedro, que xa se derrubou no ano 2015. Entre os inmobles, ademais da sala de exposicións, hai unha tenda de alimentación que será trasladada, igual que o local da asociación ou como xa se fixo coa oficina de Medio Rural. Tamén se sitúa alí un transformador que hai que soterrar. A construción do mercado remóntase ao ano 1936, cando a corporación municipal acordou a construción dunha praza de abastos, aínda que a súa edificación non chegou a materializarse ata 1960. A obra finalizou en 1961 e máis tarde foi remodelado para albergar a actual sala de exposicións.

OUTRAS OBRAS. Á adxudicación desta obra no centro urbano súmanse outras, aprobadas estes días polo Concello, como a mellora da pavimentación e os servizos da Avenida de Galicia, na primeira fase e cun orzamento de 176.821 euros, que tamén acometerá Canosa SL. «Estamos a falar dunha arteria principal e trataremos de coordinala coa Policía Local e a propia empresa adxudicataria para evitar na medida do posible as molestias a veciños e usuarios», explicou Montserrat García, que sinalou que tamén se aprobou a reparación do firme en Caxete e Terbá –farao a emrpesa Villasuso Ortegal por 23.595 euros– e melloras na Rúa Chamoselo. As obras executaraas Oviga SL cun orzamento de 114.420 euros. Outra das actuacións aprobadas foi o novo campo de herba artificial para fútbol e rugby (empresa Alvac, 463.000 euros), «unha vella demanda que por fin podemos cumprir ao poder actuar nos terreos do Poboado das Veigas».

El PROGRESO