Festas do Carme 2015

Este mes de xulio tiveron lugar coma todos os anos as festas do Carme que na súa primeira parte  comezaron co pregón a cargo do colectivo da construción e ás que acudiron varios miles de ponteses e forasteiros. Se en anos anteriores os colectivos do ensino, da sanidade e o comercio pontés foron os homenaxeados neste ano 2015 As Pontes rendeu unha máis que merecida homenaxe ós construtores representados por unha ducia deles, algúns xa non presentes e outros gozando da merecida xubilación.

Houbo actividades para tódolos gustos, exposicións, actividades para os máis pequenos, mostra de música coral (Coral Polifónica de Luou, Coral Queixumes do Hío, Coro Gaztelumendi Abesbatza de Euskadi e a Coral Endesa As Pontes), concertos de grupos locais, da banda de música pontesa, o festival folclórico internacional con grupos de Badajoz, Illas Azores, México e Galicia, actividades deportivas. Como é habitual, o prato forte foron as verbenas co mellor do mundo orquestral galego, con Ache, Armonía Show, Gran Parada, Televisión, Panorama, Combo Dominicano, Filadelfia e París de Noia.

Non podían faltar as funcións relixiosas e as tradicionais procesións, a da noite do sábado e a de subida do domingo. Na procesión nocturna do sábado a imaxe da Virxe do Carme foi escoltada, como en anos anteriores, por unha Escuadra de Gastadores do Tercio Norte de Infantería de Mariña, con base en  Ferrol, que gustou moito ó público asistente pola marcialidade dos compoñentes da escuadra, entre os que ía unha moza. Acompañando a Valentín González Formoso, alcalde de As Pontes e presidente da Deputación da Coruña, estivo o coronel xefe do Tercio Norte de Infantería de Marina, Alejandro Ferreira, e varios concelleiros da corporación Municipal.

O broche de ouro das festas do verán pontesas chegou coa celebración da Romaría da Fraga, festa con 110 anos de historia e declarada de interese turístico. Na noite do 24 foi o festival folk da Fraga cos grupos Rarefolk, de Sevilla, os escoceses de Mànran, o acordeonista pontés Andrés Penabad e o grupo folk Muxarega, tamén de As Pontes. O día grande (25 de xullo, Día Nacional de Galicia), a propia romaría da Fraga coa actuación do grupo de percusión Trópico de Grelos, a sesión vermú coa orquestra Cinema, que tamén estivo na verbena, na que ofreceron actuacións A Requinta da Laxeira, Medina Azahara e o grupo Benito Kamelas.

[amigus.org]