Homenaxe a Moncho Valcarce

[amigus.org-AF] Este domingo 29, Moncho Valcarce, coñecido como o cura das Encrobas, recibirá unha homenaxe dos seus amigos polo seu comprometido labor co seu pobo. O acto organizado polo Grupo Niño do Azor, do que Moncho Valcarce fora un dos fundadores, terá lugar ás doce (12,00) do mediodía deste domingo diante do instituto pontés que leva o seu nome e consistirá na colocación dun busto e unha placa. No acto intervirán Muñiz de las Cuevas, da Irmandade Moncho Valcarce, Alfonso Blanco, crego de Guitiriz e Mero, do grupo A Quenlla. Tamén haberá un recital de poesía a cargo de Pilar Pallarés e a pontesa, Medos Romero. A Quenlla e Os Feroces da Galgueira poñerán a música neste acto en lembranza do querido Moncho. O monumento na súa memoria é por aportación popular, polo que aquelas persoas que desexen aportar algunha cantidade poden facelo na conta de NCG Banco 2080 5200 36 3000022968.