II Cita coa historia de As Pontes

II Cita coa historia de As Pontes

O casco vello da vila de As Pontes encheuse de milleiros de ponteses e forasteiros vidos de diversos lugares de Galicia, que ateigaron as rúas Real, Igrexa e San Xoán para participar e presenciar a segunda edición da Cita coa Historia e que nesta ocasión foi adicada á Idade do Ferro, á época castrexa e dos celtas.

O evento histórico pontés estivo organizado polo Grupo Taranis, en colaboración coa asociación Lembranza da Vila e a Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes, baixo o patrocinio do Concello pontés.

Comezou a cita coa recreación da historia pontesa na tarde do venres coa apertura do mercado e o poboado castrexo, seguido do pregón inaugural, que foi presentado polo alcalde pontés, Valentín González Formoso. A continuación realizou o pregón o veciño da Vila, Alfonso Tojeiro Roca, quen, con algún que outro nervio, lembrou as súas vivencias de mediados do século pasado na orixe da vila de As Pontes. Comezou dicindo “… que lles poido contar… do que eu coñezo como vilego non nativo pero criado nela desde os 4 anos, xa choveu dende aquel ano do que apenas me lembro, pero si me recordo daquelas enchentes que viñan no inverno dado que chegaba a auga ata ponte dos Ferros, pola rúa da igrexa chegaba ata a soleira da porta da casa onde eu vivía. Todos os vellos da Vila estaban pendentes da crecida por se había que abandonar por culpa da auga. Na Vila todos eramos unha familia, eramos labregos, sementabamos patacas e trigo que mallabamos na rúa Real, que facía de aira, e o grao era moído no muíño de Alende e aceas da estrada principal e o pan levábase ó forno de Lola do Coxo ou de Nieves de Rosa, onde as mulleres tamén facían os doces para as festas do Carme”.

Noutro intre Alfonso Tojeiro, presidente da asociación Lembranza da Vila, comentou que “naqueles anos corenta e cincuenta non había piscina nin sabiamos o que era a praia, pero tiñamos o río Eume coa presa de Alende, na que no seu día se lle puxera un trampolín para tirarse de cabeza… O fútbol era aquí na rúa cunha pelota de trapo ou un bote de lata baleiro, porque naquel tempo non se podía mercar unha pelota de goma…”

Despois do pregón houbo pasarrúas a cargo dos Feroces da Galgueira, unha asemblea celta e á media noite celebráronse vodas celtas. Nas xornadas do sábado e domingo, a maxia da druidesa Dana e o paseo do Fauno e a guerreira Elfa entretiveron ós numerosos visitantes. Tamén houbo obradoiros infantís de cerámica castrexa, teatro guiñol con “Sabeliña no reino dos Celtas” e o espectáculo de malabares e acrobacias de Losinfuste.

O grupo de teatro pontés “Que máis ten teatro” representou na praza do antigo cemiterio (feito no 1857 e pechado en 1926) a obra “As lendas de As Pontes”

Tampouco faltou a música tradicional con pasarrúas a cargo dos Feroces da Galgueira, o grupo Garabato dos Trasnos, Banda de Gaitas Alfaia, Canavella, Grupo Taranis e Os Trevillas.

Na noite do sábado houbo un concerto folk nun campeiro á beira do río Eume no que actuaron Foraoise (Madrid), A Troba do Bugalho (Lugo), Os Cempés (Ferrol) e No Cómbaro Folk (As Pontes). Un concerto que estivo moi animado, sobre todo cando chegaron os surfistas de dezaseis países participantes no Mundial de Kayak Polo celebrado en Pantín (Valdoviño) organizado polo pontés Iván Pena e que con anterioridade foran recibidos no Concello de As Pontes.

Ó final de tres días, satisfacción do grupo organizativo pola gran afluencia de público que ateigou as rúas da Vila, sobre todo na xornada do sábado, ó longo da fin de semana que estivo acompañada dunha excelente climatoloxía, con sol e moita calor.

ALGO SOBRE OS CELTAS NA COMARCA PONTESA

Segundo algúns historiadores, os celtas estiveron nas altas terras do Eume entre os séculos VIII e III antes de Cristo, do que son testemuño os numerosos castros que aínda existen e os nomes de aldeas, lugares montes e ríos.

Castros de guarnición e de vixilancia, como os de Cabreiros, Roupar, Ribadeume, Vilavella e Bermui, que foi o lugar elixido polos celtas para establecer a súa capital neste territorio, dadas as súas condicións estratéxicas.

Os celtas procedían de Anatolia e das estepas dos mares Negro e Caspio e asentáronse no centro de Europa para espallarse despois polo resto do continente no século III a.d.C. e incluso chegaron ás illas Británicas. Coñecían a arte de fiar e tecer, así como a agricultura e gandería.
Actualmente son considerados como países de orixe celta Escocia, illa de Man, Gales, Cornualles, Irlanda, Bretaña, Galicia e Asturias.
Nestas terras do Eume asentáronse as tribos pertencentes á confederación dos ártabros, os cauci ou ceuci. De aí os numerosos lugares chamados Couce. Outros nomes de procedencia celta son Pena do Curro, Tarrao (no Aparral), Vadón (finca de cervos), Brixeo, Pena de Eiriz (rocha do camiño), Eume (a deusa da fertilidade), A Cuíña (costa empinada), Catarou (mirador), A Parrocha (cabana), Azureira (lugar pequeno), Caxado (caxato), Illade (finca pechada), Pena Purreira (rocha de po), Bouza (terreo de árbores e maleza), A Cuvela (torre de defensa), A Touza (finca de mato), etc.

[amigus.org]

cita_historia_0005 cita_historia_0006 cita_historia_0009cita_historia_0014 cita_historia_0025 cita_historia_0035 cita_historia_0045 cita_historia_0049 cita_historia_0050 cita_historia_0055 cita_historia_0057 cita_historia_0065 cita_historia_0067 cita_historia_0074 cita_historia_0105 cita_historia_0120 cita_historia_0122 cita_historia_0002 cita_historia_0003 cita_historia_0004