MALENA MIERES GARCÍA CAMPIONA DE EUROPA

MALENA MIERES GARCÍA CAMPIONA DE EUROPA

Sétima deportista de As Pontes que consigue un ouro europeo, ademáis de seis mundiais

Fito histórico para Malena e o deporte pontés na tarde deste luns despois de conseguir a Selección Española Sub19 o título europeo tras gañar 1-0 á Alemaña na gran final no torneo disputado en Suiza.

Triunfo moi merecido do combinado español tras un gol da xogadora do Espanyol María Llompart, de falta directa quedando dez minutos para o final, despois de estrelar catro balóns nos postes Rosa Márquez, Nerea Eizaguirre, Athenea Del Castillo e Carla Bautista.

Malena convírtese na sétima deportista pontesa que gaña un ouro europeo. Anteriormente David Rochela xa fóra Campión Europeo Sub17 en Bélxica 2007, sendo tamén subcampión mundial da categoría en Corea do sur no mesmo ano. O piragüista Antonio Polo foi doble Campión de Europa de Maratón de Veteranos en Portugal en 2013 e 2017. Tamén o piragüista Borja Prieto Valera foi Campión Europeo Sub23 en Polonia 2004 ademáis de bronce absoluto en Alemaña 2009 e cuarto no Mundial de Canadá do mesmo ano. Gabriel Tembrás foi Campión Europeo Junior de Taekwondo en Alicante 2013, e o patinador artístico Mario Calzas foi ouro na Copa de Europa Alcoy 1999 e ouro no Europeo de Eslovenia 2001. Mención aparte para Miguel Alvariño, ouro individual nos Xogos Europeos de Bakú 2015, e prata por equipos.

No capítulo de Campións Mundiais ponteses, Alvariño merece outra mención aparte, ouro na Copa do Mundo de México 2015, sendo ademáis subcampión mundial junior en China 2013. Roberto Rivera foi adestrador da selección sub21 de Kaiak Polo que gañou o Mundial de Xapón 2004 tras vencer 4-3 a Italia na gran final. Artemio Formoso foi Campión Mundial de Tiro Handisport en 2010, Jose Rodríguez “Cope” de Kung Fú en Estados Unidos en 1990, e Jose Antonio Meizoso Campión Mundial de Futbolín en Punta Umbría. Tamén o polifacético Iván Pena quedou Campión Mundial de Waveski Surf por equipos en Portugal 2016, ademáis de ser internacional español de Kaiak Polo ou Campión de España de Piragüismo.

Outros medallistas internacionais ponteses foron a gran Gema Buitrón, que entre os seus múltples éxitos foi subcampiona de Europa por equipos de Tiro con Arco en Italia 2010, a gran Lucía Legaspi, bronce Europeo Croacia 1995 e bronce Mundial Barcelona 1996, Junior, de Taekwondo. O piragüista Dani Feijoo foi dobre subcampión mundial Junior en Finlandia 1997 e posteriormente prata na Copa de Europa de Maratón en 2006 xunto a Polo. A gran atleta Susana Castro foi doble medallista de bronce coa selección española junior en Arxelia 2004. Tamén Olalla Barcia e Vanessa Carballeira foron medallista de bronce na Copa de Europa de Patinaxe Artístico.

Abrindo o abanico, o propio tío de Malena, Carlos Mieres, foi cuarto no Europeo de Kaiak Polo en Madrid 2005 xunto a Serafín Fontao, ou Dani Castro cuarto no Europeo Cadete de Tiro con Arco Eslovenia 2014. Os propios pais de Malena, Javier Mieres e Obdulia García, gañaron o prestixioso Descenso Internacional do Sella, fito que tamén lograron o gran Jose Ramón Corral ou Susana Bellas. En definitiva, día grande para Malena e o deporte pontés.