Miguel Alvariño finaliza séptimo en Antalya

[@migus.org – XF] O arqueiro pontés Miguel Alvariño foi o mellor español dos oito que entraban en liza na competición individual de Recurvo. Exento das dúas primeiras eliminatorias, gañou sucesivamente en dezaseisavos ó británico Patrick Huston 7-1, en oitavos ó ucraino Viktor Ruban 6-2, caendo en cuartos de final 2-6 ante o coreano Sengyun Lee, que pelexará o ouro co seu compañeiro Woojin Kim, primeiro da previa. Polo bronce, os estadounidenses, o gran Brady Ellison ante Klimitchek. Conclue Miguel entre os oito mellores e primeiro europeo nunha rolda que alcanzaron catro asiáticos, dous norteamericanos e un australiano. Boa participación tivo tamén Antonio Fernández, que gañou ó bielorruso Liahushev 6-2, ó italiano Mandia 7-1, para acabar caendo en dezaseisavos de final ante o xaponés Furukawa, 4-6. Os outros dous españois caeron na primeira eliminatoria, Juan Ignacio Rodríguez ante o austriaco Gstoettner (3-7), e Miguel Ángel Pifarre ante o ruso Tsybzhitov 4-6.

 Bo papel das rapaciñas da selección feminina. A mellor foi Celia Castaños, que tras vencer á holandesa Der Kinderen 6-0, á alemana Unruh 6-2, á gran Elena Tonetta de Italia 6-0, caeu en oitavos de final por 2-6 ante a coreana Chang, segunda da previa e posterior semifinalista. Adriana Martín gañou 6-4 á india Kaur, 7-3 á rusa Nataliya Erdynieva, vella coñecida de Gema Buitrón, para caer en dezaseisavos de final ante a xaponesa Kawanaka 3-7. Na mesma rolda caeu Miriam Alarcón 4-6 ante a prometedora mexicana Aida Román. Previamente vencera ás holandesas De Vries 6-0, e Deden 6-2. Alicia Marín gañou 6-4 á kazaja Askarova, para logo perder polo mesmo resultado ante Yuan, de China Taipei.