Miguel Alvariño logra o ouro na copa do mundo de México

Miguel Alvariño logra o ouro na copa do mundo de México

O arqueiro pontés Miguel Alvariño García deu este domingo á noite unha nova ledicia ó deporte pontés o gañar brillantemente na Copa do Mundo de México na proba de Recurvo Masculino, a derradeira cita universal, e que reunía ós sete mellores arqueiros desta competición, máis un arqueiro locatario, para completar os oito necesarios para competir na fase final.

Miguel, sétimo cabeza de serie, enfrontabase en cuartos de final ó segundo, o coreano Lee Seungyun, campión mundial 2013 e gañador de seis probas da Copa do Mundo.
Nun duelo moi igualado, Alvariño adiantouse cun 29-28. Posteriormente, con 27-27, 28-29 e 28-28, alcanzouse un 4-4 no marcador, e unha ventaxa dun só punto no set definitivo, 29-28, serviulle ó discípulo de Manolo Buitrón, presente en terras mexicanas, para impoñerse 6-4 e alcanzar as semifinais.

Nesta rolda caían, ademais de Seungyun, o gran estadounidense Brady Ellison, o chino Xin Yu e o arqueiro local Luis Álvarez.

Nelas, enfrontabase ó dobre subcampión mundial junior, o estadounidense Collin Klimitchek, noutro duelo épico, que tivo empates en tres sets, 27-27, 28-28 e 25-25, pero Alvariño venceu axustadamente en dous, no segundo, 28-27, e no quinto, derradeiro e decisivo, 29-28, o que lle deu o 7-3 o pase á final.

Como queira que o francés Jean Charles Valladont venceu na frecha de desempate ó primeiro favorito, o coreano, Kim Woojin deuse un duelo europeo na rolda definitiva.
Antes de enfrontarse Alvariño ó campión mundial en sala 2012, o coreano repúxose facendose co bronce ante o estadounidense, 7-3.

A final tivo a mítica dos outros dous envites, e tras poñerse Miguel por diante cun 27-26 no primeiro set, os seguintes rexistraron dous empates, 27-27 e 28-28. No derradeiro Miguel conseguía un 29-28 cun dez magnífico na última frecha que lle daba o 6-2 definitivo e o ouro na competición máis brillante da Copa do Mundo, que unido ás dúas medallas de Baku, e a clasificación olímpica, fan do 2015 un ano excepcional para Miguel Alvariño.

Na competición de Recurvo Feminino, ouro para a coreana Choi, prata para a india Kumari e bronce para Le, de China Taipei.

O sábado disputouse a competición de composto na que venceu o turco Demir Elmaagacli e a colombiana Sara López, proba na que a cántabra Andrea Marcos caeu na primeira rolda trala frecha de desempate ante a mexicana Salinas.

[AMIGUS.ORG]