Miguel Alvariño, quinto e noveno en Grecia

Miguel Alvariño, quinto e noveno en Grecia

[@migus.org – XF] Dobre xornada no Grand Prix Europeo que se está disputando na localidade grega de Marathon. Nas roldas eliminatorias individuais de Recurvo Masculino Miguel foi o representante español que máis lonxe chegou. Trala súa segunda posición na previa, superou exento as dúas primeiras roldas, en dezaseisavos impúxose ó suizo Aubert por 7-3, e en oitavos ó polaco Sierakowski por 6-0. Pero en cuartos de final enfrontouse ó italiano Marco Morello, sétimo na previa e que chegaba vencendo todos os seus cruces por 6-0, e caeu Miguel por 2-6, acabando quinto. Sendo 61º na previa, Antonio Fernández tívose que enfrontar nin máis nin menos que co italiano Marco Galiazzo (52º) e deuse o luxo, e sempre poderá dicir, que gañou ó doble campión olímpico en Atenas e Londres por 6-5 na frecha de desempate. Despois venceu ó ucraino Kuban (6-4), ó luxemburgués Pit (6-2), pero outro italiano cortoulle as alas en oitavos de final, Pasqualucci, que foi contundente, 0-6. Juan Ignacio Rodríguez, 14º na previa, superou a primeira rolda tras vencer ó croata Remar (7-3), pero caeu na segunda ante o polaco Szafran (2-6). Pasqualucci e o ucraino Markiyan loitarán polo ouro namentres que polo bronce competirán os transalpinos Morello e Mandia. En mulleres, Miriam Alarcón ó ser quinta da previa superou exenta dúas roldas, pero de pouco lle valeu pois en dezaseisavos caeu ás primeiras de cambio 2-6 ante a holandesa Der Kinderen. Alicia Marín (9º), exenta na primeira rolda, gañou na segunda á polaca Stanieczek (6-2), caendo en dezaseisavos ante a bielorrusa Dziominskaya (4-6). Adriana Martín (52ª) venceu á chipriota Korouna (6-2), á ucraina Marchenko (6-2), para caer en dezaseisavos ante a italiana Sartori (3-7). Nesta proba pleno italiano pois catro competidoras dese país loitarán polos tres metáis. Si a actuación de Miguel foi moi boa a nivel individual, non se pode dicir o mesmo de España por equipos masculino, xa que coa terceira mellor marca caeron os españois (Alvariño, Rodríguez, Fernández) ante Moldavia (14º) por 3-5, de feito foi España o único dos oitos cabezas de serie eliminado por un equipo inferior nas clasificatorias. Bielorrusia ouro, prata para Holanda e bronce para Ucraina. Moitas máis sorpresas houbo na competición por equipos feminina, xa que Francia (4º) caeu ante Estonia (13º), e sobre todo Rusia (1ª) ante Noruega (16ª). España (5º) venceu con apuros a Eslovenia (12ª) por 5-3, e non souberon aproveitar o tropezo francés pois tamén se viron sorprendidas en cuartos de final por Estonia 4-5 con 25-26 na frecha de desempate. Xeorxia ouro, prata para a locataria Grecia e bronce para Italia.