O C. Rugby Fendetestas celebrou o seu XXV Aniversario

O C. Rugby Fendetestas celebrou o seu XXV Aniversario

[@migus.org – AF e XF] O equipo de Rugbi pontés Fendetestas celebrou este pasado sábado o seu 25º aniversario, pois ese mesmo día do ano 1989 comezou a colocar as súas primeiras pedras. Un dos poucos equipos que conseguiu manterse todos estes anos, dende a súa fundación ata o día de hoxe, xunto ó CD As Pontes e o Grupo Xuvenil de Piraguismo.

Gañadores dunha Copa Deputación Alevín, e unha Copa Xunta Xuvenil, amén de xogar en Liga Estatal hai uns anos, entre outros logros, polo clube pasaron grandes xogadores, coma o internacional español, Pablo Enríquez Megino “Chucky” ou a propia Jacqueline Cruz Chayana, que estivo en concentracións da selección española, entre outros moitos. Unha prolífica canteira que segue dando os seus froitos, non en van, a pontesa Cintia Arias, xogadora do clube vigués, foi convocada recentemente pola selección galega absoluta. Nunha xornada de sábado para recordar vellos tempos desputáronse tres encontros. Dous eran de carácter amigable, ás 12h xogaron un combinado de “vellas glorias” que formaron parte do equipo pontés, e ás 18h, un grupo de “rugbiers” pontesas.Entremedias e xa en competición oficial, ás 16h, o Fendetestas recibía ó Santiago en partido aprazado no seu día, equipo ó que venceu por un claro 31-0, con 5 ensaios e 3 transformacións, o que serviu ó equipo verde para escalar á segunda praza. Líder indiscutible Coreti Lalín con 32 puntos, 21 para o Fendetestas, Keltia Ourense 19, Bierzo 18, Zalaeta de Arteixo 16, Crat A Coruña B 9, e pecha a táboa o equipo santiagués cun punto.

Xa entrada a noite celebrouse unha cea onde os máis dun centenar de asistentes puideron dar conta das vivencias acumuladas durante este cuarto de século.