O museo do xoguete pontés inicia a organización de obradoiros infantís

O museo do xoguete pontés inicia a organización de obradoiros infantís

O Comezo das Cousas, un pequeno museo de xoguetes impulsado por Xosé Manuel Ribeira nas Pontes hai case cinco anos, empezará esta primavera a organizar obradoiros infantís para ensinar ciencia aos máis pequenos dunha maneira lúdica e fácil.

«Este é un sitio onde se fan xoguetes aplicados á física, a maioría con materiais reciclados, e o que pretendo a través dos novos obradoiros é darlle un impulso de participación cos cativos», explica Ribeira, un artista multidisciplinar coñecido pola súa colección de pedras adicadas aos escritores das Letras Galegas, que tanto pode facer de Apalpador como de impulsor da obra de Maruja Mallo.

«Tiven visitas de colexios de As Pontes, Ferrol, As Somozas ou Guitiriz, pero o obxectivo é ampliar e chegar a máis concellos. Estou mandando correos a todos», di, e anuncia que xa hai concertadas visitas dos colexios A Fraga e A Magdalena e mostra as fichas didácticas coas que pretende achegar os rapaces, principalmente de entre nove a doce anos, ás leis e principios básicos da física, como a forza centrífuga ou centrípeta, os movementos dos corpos ou as causas que os provocan, os segredos dos efectos ópticos ou os fundamentos básicos do cine.

«Todo é gratuito, o único é que para aprender algo os grupos deben ser reducidos», di, mentres mostra os segredos do seu pequeno mundo. «Acabo de redistribuír e recolocar todo para que sexa máis visual», indica, mentres percorre unha parede con xoguetes didácticos, outra con xogos de puntería ou unha zona de caixiñas de música que se moven ao ritmo de Verdi ata chegar á mesa da física, onde os imáns ou a auga con sal -condutora de electricidade- son algúns dos protagonistas dos seus enxeñosos deseños. Entre eles está un dos seus favoritos, o levitrón, unha curiosidade que pode lograr a levitación dunha peonza que xira no aire.

Mentres busca novos visitantes —pódese contactar a través do Facebook O Comezo das Cousas—, Ribeira espera o permiso do Concello para poder habilitar auga nos lavabos, un inconvinte que de solucionarse pronto «faría as visitas moito máis cómodas».

El Progreso