O pleno pontés aproba achegas para o programa “Almorzos no cole”

 

O pleno municipal de As Pontes aprobou nunha sesión plenaria extraordinaria celebrada o xoves a concesión de dúas subvencións nominativas, a favor da ANPA Medoñas do CEIP A Fraga e da ANPA Outo Eume do CEIP A Magdalena, dotadas con 12.300 euros e 17.000 euros, respectivamente. Estas achegas servirán para financiar o programa “Almorzos no cole” do curso 2018-2019.

A proposta, que contou co respaldo de todos os grupos políticos, permitirá darlle continuidade a un programa posto en marcha polo goberno local no ano 2009, co obxectivo de facilitar a conciliación da vida familiar e sociolaboral das familias pontesas, tal e como poñen de manifesto desde o consistorio de As Pontes.
O concelleiro de Réxime Interno e Recursos Humanos, José Alén, durante a quenda de intervencións, remarcou que “a contía de ambas subvencións aumentou con respecto ó ano ano pasado debido ó incremento de usuarios que participan no programa e á necesidade de sufragar gastos de equipamento e infraestruturas vencellados ó bo funcionamento desta iniciativa municipal”.

O pleno pontés tamén aprobou, por unanimidade, a concesión dunha subvención nominativa de 12.000 euros a favor da asociación de ex-alcohólicos Adiante que irá destinada a financiar diferentes obras e actuacións de mellora no local social da entidade durante este ano.
No transcurso da sesión plenaria acordouse tamén, cos votos a favor do grupo de goberno, a abstención de Xuntos por As Pontes e PP e o voto en contra do BNG, aprobar a modificación do convenio de colaboración entre o Concello local e a Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado para o financiamento da obras de rehabilitación da vivenda para a sede do museo, actuacións para as que a devandita Fundación solicitou una mínima prórroga para a finalización das mesmas. A tenente de alcalde, Montserrat García, quixo remarcar durante a exposición da modificación do acordo que “esta non afectará ó prazo de xustificación do convenio nin ó de vixencia do mesmo, só suporá a ampliación de 30 días no fin das obras.”

Asemade, o pleno municipal do Concello de As Pontes acordou aprobar, cos votos do grupo de goberno, un expediente de suplemento de crédito por valor de 400.000 euros destinado, esencialmente, ó mantemento de pistas e tarefas de desbroce nos viais e camiños rurais así como ó mantemento de edificios de titularidade pública.

Composición do pleno
Durante a sesión plenaria tomou posesión da súa acta de concelleiro do grupo Xuntos por As Pontese, Xosé Manuel Ribera García. Tamén se deu conta da renuncia de Manuel Escourido como edil do Partido Popular.

Pola súa banda, Montserrat García, agradeceu tamén ó exconcelleiro saínte o traballo levado a cabo durante estes anos no Concello, así como “o seu compromiso e respecto”, e desexoulle sorte na súa nova etapa profesional e persoal.

Diario de Ferrol