Pontoibo celebrou o San Vicente

Pontoibo celebrou o San Vicente

[@migus.org – AF]  A pasada fin de semana o barrio pontés de Pontoibo celebrou as súas tradicionais festas na honra de San Vicente, as primeiras do ano e unhas das máis tradicionais e máis antigas do concello de As Pontes e comarca. Os festexos comezaron o sábado 24 cunha misa á unha do mediodía e a posterior procesión arredor da capela, para continuar coa sesión vermú a cargo da orquestra Acordes, que tamén amenizou a concorrida verbena da noite xunto a coñecida agrupación musical Trébol. O  domingo foi o día grande, que por certo estivo acompañado dun sol espléndido, que luciu todo o día o que animou a centos de romeiros ponteses e doutros lugares e vilas achegarse ata a capela para asistir primeiro á misa e procesión e despois á poxa, tradición que se celebra dende hai moitos anos.

O campo da festa cuberto cunha carpa, con calefacción e wifi incluídas, encheuse un ano máis de centos de persoas para presenciar esta tradicional poxa de San Vicente de Pontoibo. José Vázquez Tojeiro, máis coñecido por “Camposa”, foi o mestre poxador por segundo ano consecutivo, substituíndo ó carismático Salustiano Ameneiro, quen despois de 56 anos seguidos pediu o relevo, dada a súa idade (95) e porque, segundo di, “os anos non me permitían aguantar tanto tempo de pé e iso que aínda estou ben da cabeza”. Camposa estivo acompañado por José Luis Ameneiro e José Antonio Filgueiras. Durante máis de dúas horas prolongouse este animado acto principal das festas, na que se poxaron produtos de todo tipo, dende os colleitados no campo e os da casa, como patacas, carne de porco, mel, ovos, queixos, empanadas, coellos, galiñas, doces, viño e incluso dous balóns. Houbo momentos nos que algúns produtos alcanzaron prezos un tanto desorbitados, como unha cacheira que chegou a 70 euros e un galo a 60. Pero, o fin era o primordial, por tradición os cartos recadados na poxa son para a celebración da festa. A misa nesta xornada de domingo adiantouse ás doce do mediodía para que os veciños e convidados se retirasen antes a gozar dun bo xantar do patrón, non sen antes presenciar a poxa e logo escoitar e bailar ó son da orquestra Compostela, que tamén amenizou a verbena.

O Santuario de San Vicente de Pontoibo. Esta capela situada a tiro de pedra da vila de As Pontes data de moi antigo, pois aínda que o templo foi reformado e ampliado no ano 1847, a imaxe de San Vicente ten máis antigüidade, calcúlase nuns cincocentos anos. A capela foi construída nunha zona onde apareceron restos primitivos doutras civilizacións, como un sarcófago situado actualmente á carón da capela. Segundo o libro de contas de San Vicente, que comeza no ano 1858 e remata en 1912, a capela foi reconstruída sobre unha antiga no ano 1911 cuns gastos de 2.282 reais nas obras, xa que o material foi doado polos veciños. Nas últimas décadas sufriu reformas, sendo a última, a ampliación do campo da festa e a desaparición da cubrición de uralita que afeaba o entorno da capela. Hoxe en día é unha das capelas mellor conservadas da comarca situada nunha fermosa paraxe preto da vila pontesa. A orixe das poxas data do ano 1882 e hai constancia dos nomes dos mordomos do santuario, dende 1857, con Francisco de Castro, ata José María Vázquez en 1912.

pontoibo_0003-1024x683 pontoibo_0013-1024x683 pontoibo_0019-1024x683 pontoibo_0029-1024x683 pontoibo_0036-1024x683 pontoibo_0048-1024x683 pontoibo_0065-1024x683 pontoibo_0019-1024x683 - copia pontoibo_0003-1024x683 - copia pontoibo_0013-1024x683 - copia