Segunda División B Fútbol Sala. O ESTEO FS – NOIA FS (2-3)

Non puido onte O Esteo contra un dos mellores equipos da categoría, o Noia FS, un conxunto aspirante ó primeiro posto e con gran parte do plantel formado por xogadores que pasaron por Burela ou Santiago Futsal. E así, ós tres minutos adiantábanse por medio de Xuxa, aínda que a raíz do gol o Esteo botouse cara arriba, contando con varias ocasións, ata que nunha contra desmárcase Pelu, queda só ante Carlos e marca por baixo de forte disparo. Antes do descanso, un tiro ó pau de Richi. Na segunda metade os visitantes impuxeron os seus galóns, e nada máis comezar, xogadón de Marci, que serve en bandexa o gol a Oscarín, que marca a porta baleira. Apenas tres minutos máis tarde, nunha xogada de tiraliñas, é o propio Oscarín o que pasa a Diego Pernas, e o xogador de Viveiro, chegando ó segundo pau marca de tiro cruzado. Logo é Xuxa quen queda so e salva Javichu co peito. Mediado o segundo tempo sacudiuse un pouco a presión O Esteo, i é Ferreiro quen se planta ante Brais, ex Campión de España coa selección galega sub20 en 2010, e o burelés saca co corpo. Non obstante creaba moito perigo nas contras o equipo contrario e salvou tres boas ocasións Javichu ante Alex, Oscarín e Xuxa. Nos derradeiros minutos, e xa con porteiro xogador, foi a por todas o conxunto pontés, e marcou o capi Fran faltando dous minutos, poñendo a emoción no marcador. Tiveron un dobre penalti os visitantes a falta de vinte segundos, pero Xuxa mandouno a rentes do pau dereito da portería de Javichu. E o que son as cousas, a dez segundos do remate foi o combativo Gerardo o que chegou só ante Brais e con todo a favor para conseguir o empate, tirou cruzado. Non se moveu o marcador rematando o partido con vitoria visitante. Lidera o Cidade de Narón con 35 puntos, por 34 do Mosteiro Bembrive e 32 do Noia. Os ponteses con 15, seguen mantendo oito de vantaxe sobre o Leis pontevedrés e catorce sobre o Ventorrillo. Próxima visita a localidade palentina de Guardo.

O ESTEO FS: Javichu, Pelu, Gerardo, Héctor, Cagi –cinco inicial- Púas, Ferreiro, Fran e Lardín.

NOIA FS: Carlos, Oscarín, Quique, Xuxa, Pepe –cinco inicial- Brais (p.s), Diego Pernas, Marci, Alex e Richi.

ÁRBITROS: Esteban Otero Calvo e José Vilas Martinez, da delegación de Santiago. Non estiveron moi acertados nas súas decisións, sobre todo no segundo tempo. Amoestaron a Javichu, Pelu, Gerardo, Fran, Héctor, Alex e expulsaron ó delegado visitante.

GOLES: Min. 3 (0-1), Xuxa. Min. 14 (1-1), Pelu. Min. 21 (1-2), Oscarín. Min. 24 (1-3), Diego Pernas. Min. 38 (2-3), Fran.

INCIDENCIAS: Partido da décimo sexta xornada, quinta da segunda volta, do grupo primeiro da Segunda División B disputado este sábado á tarde no Pavillón Municipal da Fraga, que rexistrou unha asistencia duns 200 afeccionados, con presenza dalgúns seguidores noieses.