Segunda División B Fútbol Sala: Univ. Valladolid FS – O Esteo FS

[@migus.org – AF e XF] O Esteo perdeu dous puntos na súa visita a Valladolid, pero sobre todo unha vitoria de prestixio ante o terceiro clasificado, e garantir o antepenúltimo posto. Remataba a primeira metade co 0-1 co solitario gol de Púas, anque os locais mandaron dous balóns ó poste nos primeiros 20 minutos. Mediado o segundo tempo e tras buscalo empataban os locais por medio de Ofa, pero volvía a poñerse o Esteo por diante cun bo tanto de Bruno Cagiao dende fóra da área. Pero o último minuto foi eléctrico e así a falta de 30 segundos e con porteiro-xogador sobre a pista os locais poñían o empate por medio de Adri nun tanto que semellaba o definitivo. Nada máis lonxe da realidade, o Valladolid seguiu atacando buscando a vitoria con cinco xogadores, pero a 5 cinco segundos do final anotou Púas dende o medio do campo o tanto que parecía que ía darlle o triunfo ós ponteses. Pero quedou o Esteo cun palmo de narices cando tras sacar de centro e cunha xogada moi elaborada os locais empataban xusto antes de que sonara a bocina por medio de Molina. Colmo de males para os ponteses, coa vitoria do Leis ante o Cuellar Cojalba (3-2), so manteñen 5 puntos de ventaxa sobre os pontevedreses con tres encontros por xogar. É moi interesante acabar a Liga con dous equipos por debaixo. O vindeiro partido será na casa o 11 de Abril frente o Albense.

UNIVERSIDADE DE VALLADOLID FS (3): Josué, Mario, Balle, Adri, Leal –cinco inicial- Dani Martín, Molina, Jesu, Ofa, Miguel, Picolo, Félix.

O ESTEO FS (3): Javichu, Ferreiro, Gerardo, Héctor, Bolly –cinco inicial- Cagi, Pelu, Púas, Tucho.

ÁRBITROS: Alberto Macías Iglesias, Antonio Navarro Villanueva (Salamanca), Ana Hernández Moretón (Valladolid). Amoestaron a Ofa, Javichu, Ferreiro, Pelu.

GOLES: Min. 14 (0-1), Púas. Min. 28 (1-1), Ofa. Min. 32 (1-2), Cagi. Min. 39 (2-2), Adri. Min. 40 (2-3), Púas. Min. 40 (3-3), Molina.

INCIDENCIAS: Partido da décimo novena xornada, oitava da segunda volta, do grupo primeiro da Segunda División B disputado este sábado á tarde no Complexo Deportivo Fuente La Mora de Valladolid, que rexistrou un centenar de espectadores.