Segunda División Futbol Sala. O ESTEO AS PONTES FS – CD CISTIERNA DE LEÓN FS (3-0)

[@migus.org – AF e XF] Valioso triunfo do Esteo, que consegue distanciarse doce puntos por riba do descenso. Conseguira ata o de agora dous triunfos o cadro pontés ante Leis Pontevedra e Ventorrillo, amén de catro empates. Comezaron adiantándose rápido os verdes por medio de Bolly, pero sufriu moito o Esteo nesta primeira metade pois a falta de 9 minutos xa contaban con cinco faltas, e chegou a dispoñer de dous dobres penaltis o conxunto leonés, pero logrouse conservar o 1-0 ó descanso, a pesar de dous longueiros, un de Cagi ós sete minutos e outro de Javi, o mellor xogador dos visitantes, faltando un segundo. Outra vez Bolly volveu a marcar ó comezo do segundo tempo, e conservou ben a vantaxe o cadro adestrado por Diego Paz. A mellor xogada visitante foi un precioso regate de More ante Héctor ós sete minutos do reinicio, pero Iván conseguiu solventar a situación. Sacaron o porteiro xogador os visitantes a falta de cinco minutos, e Cagi e Fran puideron sentenciar, pero foi Gerardo a falta de 26 segundos o que estableceu o definitivo 3-0. Segue antepenúltimo o Esteo, pero xa avantaxa en oito puntos ó Leis e en 12 ó Ventorrillo. Visita o cadro pontés na seguinte xornada ó Pizarras Tres Cuñados. No descanso do encontro rendeuse unha máis que merecida homenaxe a Rosendo García, delegado do Club, polos seus máis de 25 anos de adicación ó club, dende o histórico Autos Puentes ata o Esteo de hoxe.

O ESTEO FS: Iván, Cagi, Bolly, Héctor, Fran –cinco inicial- Pelu, Púas, Ferreiro, Gerardo, Lardín.

CISTIERNA DE LEÓN: Michi, More, Susi, Cober, Camacho –cinco inicial- Javi, Nacho, Kiki, Cristian, Dani.

ÁRBITROS: Héctor Vilas López, Enrique Novoa García e Antonia Prieto Gil (mesa), de Ourense. Complicáronse algo a vida no final do primeiro tempo. Amoestaron a Pelu, Héctor, Lardín e Iván polos locais e a Camacho polos leoneses.

GOLES: Min. 1 (1-0), Bolly. Min. 21 (2-0), Bolly. Min. 39 (3-0), Gerardo.

INCIDENCIAS: Décimo segunda xornada, primeira da segunda volta, do grupo primeiro da Segunda División B disputado este sábado no pavillón municipal da Fraga, que rexistrou unha boa asistencia de afeccionados, uns 300 afeccionados nas gradas, con moita presenza de nenos e nenas