Terceira división. As Pontes 1- Bergantiños 1

Reparto de puntos no debut ligueiro do equipo pontés en casa na visita do complicado Bergantiños, quinto clasificado a pasada campaña. Partido curioso, xa que ambos equipos pecharon os encontros no Poboado a campaña anterior e iniciaron no mesmo campo este curso.

Ambos equipos tiveron dúas aproximacións de perigo, Moreira dispara alto a pase de Roberto (11´), e tras un maxistral pase de Óscar, Santi queda só ante Cristopher, que atalla o seu disparo (14´).

Tras un saque de córner, David no primeiro pau cabecea o xusto para que o balón pegue no segundo poste e acabe entrando (32´).

Unha sensacional xogada de equipo entre Adrián, Amado e Santi, que remata fóra Óscar (38´) precedeu ó gol de Pablo de forte disparo cruzado, que, coma o tanto dos visitantes, o esférico rebotou no pau antes de acabar no fondo das mallas (42´).

Nos primeiros minutos da segunda metade o cadro de Carballo embotellou ó local, pero sen ocasións claras.

Tívoa o somocense Edi, tras un perfecto cabezazo en xogada a balón parado, que se colaba polo escuadro, de non mediar Cristopher, ex da selección galega UEFA, cunha magnífica parada (79´).

O As Pontes xogou cun home menos nos últimos minutos por expulsión de Dani, que causará baixa para a seguinte xornada nunha mermada defensa, e estivo moi atento Adrián desbaratando o perigo nunha xogada na que ata tres futbolistas visitantes quedaron sós (87´).

Non houbo tempo para máis e o As Pontes pode dar por bo o punto colleitado ante un dos fortes da categoría. A semana que vén visita ó recén ascendido Barco, no que será un importante partido a pesar de tratarse da segunda xornada.

Vixésimo quinto partido oficial entre ambos equipos en campo pontés, que rexistra o noveno empate. Catorce vitorias pontesas por dúas visitantes, 1-5 na 2008-09 e 0-1 o ano pasado.

CD As Pontes. Cristian, Hugo, Nano (Edi 65´), Chote, Dani, Adrián, Amado, Bossa (Toni 88´), Santi, Óscar (Samu 71´), Pablo.

Bergantiños CF. Cristopher, Borja, Aaron, Adrián, Sergio, Alejandro, Míguez, David (Alex Sánchez 75´), Alex Pérez, Roberto (Gonzalo 66´), Denis (Moreira 9´).

Goles: 0-1, David (32´), 1-1, Pablo Domínguez (42´).

Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Uns 150 espectadores.

Árbitro: Ferreiro Méndez (Lugo). Auxiliado por Blanco Méndez e Vázquez Méndez. Amoestou a Borja, Sergio, David e Vilar. Expulsou por dobre amarela ó local Dani (86´).

[amigus.org]