Terceira División: CD AS PONTES 3 – RIBADEO FC 0

[@migus.org – AF e XF] O As Pontes conseguiu sacar adiante no segundo tempo o derradeiro encontro da primeira volta contra o recén ascendido Ribadeo, co mesmo resultado que se produxo a última vez que ambos conxuntos se enfrontaron, na tempada 1983-84. Dominou máis dende o inicio o cadro azul, aínda así resaltar a gran presión e a tela de araña tecida polo equipo lucense, que non está nos postos de arriba por casualidade. Unha falta botada por Bossa era rexeitada cos puños por Kiko (4´), por certo, un dos catro ex xogadores do CD As Pontes presentes no cadro de Ribadeo, xunto a Dapo, Fernando, e Brais que hoxe non foi da partida. O propio xogador de Viveiro quere enganar ó seu paisano Kiko, picando o balón que marcha preto do escuadro (10´). As dúas mellores ocasións locais nos primeiros 45 minutos estiveron nos pes de Chicho (14´) e Pablo Domínguez (33´), con disparos que marcharon lamendo o pau. Tamén tiveron as suas os visitantes, tiro cruzado dende fóra da área que marcha a rentes do poste (37´), e sobre todo unha perigosa contra con ata dous xogadores que quedaron sos no borde da área, e foi o ex xogador do Racing de Ferrol Rafa Casanova o que chutou, despexando milagrosamente Marcos (44´). Pero foi tralo descanso cando puxo terra de por medio o cadro local, xa se puido adiantar cando tras un córner e un posterior remate de Iván, o balón caelle morto a Aitor pero o chut do bo central de Marín vai por riba do longueiro (46´). Posteriormente pase ó oco de Chicho, e subindo por banda dereita, dende o borde da área, o esquío de Pol Iván regatea a un defensa, amaga ó outro e ó final acaba cruzando ó segundo pau coa punteira esquerda e Kiko non consegue chegar (48´). Ó conxunto azul puxeronselle as cousas de cara cando o capitán visitante Vilela era expulsado por unha forte entrada por detrás a Chicho (55´), do estilo da de Planas a Denis. Pase de Bossa a Chicho, que recurta, e salva Kiko co corpo (60´). Pouco despois o propio xogador ferrolán marcaba o 2-0, tras un córner botado por Bossa, que prolonga de cabeza Arias e chegando ó segundo pau Chicho cabecea a gol (61´). Un trallazo do gladiador Nano que marcha perto do escuadro (71´), precede a dous discutibles goles anulados, un do propio pequeno gran xogador naronés (75´) e outro de Miguel (79´), para cada conxunto, un por suposto fora de xogo, outro por suposta falta. Unha boa xogada de Criado, que remata Arias por riba do longueiro (87´), precedeu á estocada definitiva, nun xogadón do mago de Viveiro Bossa, que recupera un balón, regatea ó defensa, pica ante Kiko, o balón pega inxustamente no longueiro, pero ahí estaba coa caña preparada Arias para marcar a pracer o 3-0 definitivo (88´), facendo xustiza co eterno peleón solitario de Portomarín, para un As Pontes que acabou con 6 canteiráns sobre terreo de xogo. Respira un pouco o cuadro local, que se sitúa 15º con 23 puntos, pero debe seguir sumando no inicio da segunda volta, pois a maioría de rivais de abaixo tamén gañaron, caso do Silva en Bertamiráns (3-4), o Laracha ante o Areas (1-0), e o gran equipo do Boiro que gañou de penalti no 94´ ó Ordes (2-1), así que os azuis so suman 3 puntos por riba do descenso. Os máis apurados da primeira volta serían Bouzas 26, Silva 24, As Pontes 23, Boiro e Barbadás 20, Laracha 17, e xa máis desafiuzados Areas 13 e Bertamiráns 5. Partido importantísimo o vindeiro fin de semana no Poboado ante o Deportivo B, 3º con 34 puntos.

CD AS PONTES (3): Marcos, Rochela, Nano (Juan 83´), Chote, Aitor, Fidi, Iván (Criado 80´), Bossa, Arias, Chicho (Alex 66´), Pablo.

RIBADEO FC (0): Kiko, Koki, Isma, Fernando, Alex, Vilela, Rafa, Andrés (Jacobo 78´), David, Santi (Miguel 78´), Javi Pérez (Dapo 59´).

GOLES: 1-0, Iván González (48´), 2-0, Chicho (61´), 3-0, Sergio Arias (88´).

ÁRBITRO: Alejandro Del Río Amor (A Coruña). Auxiliado nas bandas por Pichel Castro e Castreje Ferrío. Expulsou con vermello directo a Vilela (55´), e ó delegado visitante (82´). Amarela a Chicho.

CAMPO e INCIDENCIAS:  Uns 250 espectadores, moitos visitantes, no Campo de O Poboado, en tarde fría e soleada.