Un pontés publica un libro para desmitificar o mundo descoñecido dos morcegos

O biólogo Roberto Hermida trata de achegar ao público o traballo científico ao redor dos únicos mamíferos que son capaces de voar. A obra nace das investigacións de Spallanzani no século XVIII, cando defender a orientación a través do oído considerábase un “disparate”

Lonxe dos cómics de Batman, o superheroe vestido de morcego, e das obras de vampiros que beben do Drácula de Bram Stoker, o mundo dos únicos mamíferos voadores segue a ser descoñecido para moitos. “A nivel popular están moi metidos nos mitos e a nivel científico redúcese a un grupo moi técnico, cunha formación moi específica e unha aparataxe moi cara”, explica o biólogo pontés Roberto Hermida, que acaba de publicar un libro que ten como obxectivo desmitificar aos morcegos e achegar ao público o traballo dos investigadores.

“A idea non é un libro técnico senón explicar vivencias propias e doutros investigadores sen entrar demasiado tampouco en mitos e lendas”, explica Hermida, que se mostra “ilusionado” coa súa ópera prima ao redor dos quirópteros, uns animais aos que dedica o seu traballo en exclusiva dende 2007, tras crear anos antes Drosera, un grupo de investigación con sede social nas Pontes que suma 14 membros e que xa identificou 24 especies diferentes en Galicia -contabilízanse 34 en España e ao redor de 50 en Europa-.

Divulgación para superar o medo irracional e plans de conservación para o futuro

Drosera leva anos investigando os morcegos e facendo divulgación para dar a coñecer uns animais que aínda espertan “un medo irracional” na xente. “Son moi descoñecidos, aínda que viven ás veces nas casas, pero móvense de noite e non os vemos”, di Hermida, que urxe protección real e non no papel. “Queda todo por facer, non hai plans nin políticas de conservación, para protexer refuxios e hábitats”, explica, e destaca que aínda que xa se superou a idea de ‘chupasangues’ -só tres especies do Trópico se alimentan de sangue nun mundo de insectívoros- sí persiste o medo á transmisión de enfermidades. “Calquera animal que morde pode transmitir algo, e os morcegos son reservorios de determinados virus, como o ébola ou a rabia, pero son inofensivos e non atacan. Só son perigosos para os que traballamos con eles, que temos que estar vacinados”, e enumera beneficios para regular as poboacións de insectos e no control de pragas. “Din que un morcego pode comer nunha noite 3.000 insectos e aumentar o seu peso corporal un 50%”.

[El progreso]