Unha moda sostible con etiqueta pontesa

Unha moda sostible con etiqueta pontesa

 

Facer dun residuo algo valioso e útil. Esta é a premisa coa que traballa a deseñadora Noelia Tojeiro Ramil, unha moza de 23 anos que vén de gañar o primeiro premio no Xuventude Crea 2019 da Consellería de Política Social na modalidade de moda, grazas a súa roupa sostible con selo pontés.

A colección premiada está baseada na “superreciclaxe”. “Chámase ‘Tomba’, que vén da palabra remendo en galego, xa que fixen os cinco deseños a partir de anacos dos uniformes vellos do traballo dos meus pais”, conta a moza, mentres resume que foi o que a motivou a decantarse por esta opción.

“Ao longo do tempo foron cambiando de logos e cores —traballan os dous en Intasa, unha empresa coñecida antes como Galparquet e asentada no polígono pontés de Penapurreira—, así que empreguei esa materia prima que tiña na casa para deseñar a colección”, explica Noelia, quen a maiores de lograr “minimizar desperdicios”, tamén conseguiu converter “un residuo en algo valioso co que poder saír á rúa, e ademais combinable con prendas que calquera pode ter no armario”.

Un traballo impecable e moi chamativo ao que se suma a historia que ten detrás. “Ao xurado gustoulle moito esa vinculación familiar e a implicación persoal que ten cada prenda da colección”, indica a moza, quen xa lograra sorprender co seu traballo na edición de 2018, na que tamén recibira un galardón.

“O ano pasado levei o segundo premio coa colección “Wa”, centrada en reivindicar a artesanía, as texturas, o mundo mariño… Contei para ese traballo coa colaboración da artesá Idoia Cuesta”, recorda Noelia Tojeiro, quen recibiu ambos galardóns con “moita ilusión”.

“Sempre sorprende, nunca o esperas, pero a verdade é que nesta ocasión é moi gratificante que recoñezan toda a dedicación e o esforzo que ten esta colección detrás e á que lle dediquei máis dun ano de traballo”, di a deseñadora pontesa, agradecida coa oportunidade que ofrecen este tipo de concursos.

Gustaríame seguir na mesma liña de moda sostible, mirando empresas, a poder ser en Galicia, nas que poida desenvolver esta faceta

FUTURO. A moza pontesa rematou os seus estudos de Deseño de Moda na Escola de Arte e Superior de Deseño (E.A.S.D.) Mestre Mateo de Santiago o pasado mes de xuño, cando entregou o proxecto de fin de estudos. Agora está na procura de traballo. “Gustaríame seguir na mesma liña de moda sostible, mirando empresas, a poder ser en Galicia, nas que poida desenvolver esta faceta”, explica unha deseñadora que xa demostrou que atopa a inspiración “en calquera sitio”.

E é que o importante para Noelia Tojeiro é aproveitar os recursos ao seu alcance para facerse un nome dentro da moda galega.

El PROGRESO