Xunt@s por As Pontes escolle aos seus cabezas de lista

[@migus.org]  Xunt@s por As Pontes vén de elixir aos seus cabezas de lista para as eleccións municipais. Jéssica Fernández Polo e Alberto Pellón García foron elixidos na asamblea aberta celebrada o pasado sábado para ocupar o primeiro e segundo posto respectivamente. A candidata Jéssica Fernández Polo expuxo o que considera esencial neste novo proxecto “ as siglas dos partidos quedan apartadas, nun segundo plano, útiles só para as cuestións legais. O que de verdade importa son as persoas e o que cada unha delas poida aportar sen ter en conta se ten ou non militancia política. As propostas programáticas serán o que nos comprometa a todos e todas as que participamos neste proxecto”. Alberto Pellón expresou a necesidade dun cambio a nivel xeral en todos os aspectos “isto non é cuestión de conseguir mellores ou peores resultados, o máis importante é prácticar outro modo de traballar e de relacionarse no que calquer veciño ou veciña poda dar a súa opinión e ter dereito a decidir, e que isto non se de só cada catro anos. Por iso plantexamos todas as reunións como asambleas abertas á participación”. No plan de traballo de Xunt@s por As Pontes está a vindeira Asamblea Aberta que se celebrará o mércores 1 de abril ás 20:00 horas e na que se traballará sobre o Código Ético e se seguirá avanzando na conformación da lista. Neste senso Jéssica Fernández apunta que “seguimos abertos á participación de quen queira achegarse a nós, tanto para formar parte da lista como para aportar ideas ou propostas. Persoalmente gustaríame que máis mulleres desen o paso. Sabemos que hai quen prefire quedar nun segundo plano. A esta xente só lles dicimos que poden enviar as súas ideas e aportacións ao correo xuntosporaspontes@gmail.com”. Alberto Pellón explica que están participando persoas de todos os ámbitos “tanto nas asambleas como no correo ou páxina de facebook están participando dende xente nova a xente con experiencia . Se ben é certo que se nos pide á mocidade que demos un paso ao frente, nós non queremos desbotar todo o que poden aportar as persoas con percorrido político.” A respecto dos obxectivos de cara ás eleccións, a candidata precisou que “ sabemos que non vai ser sinxelo porque imos competir con aparatos de partidos que teñen moito que perder. Nós faremos modestamente o que podamos para facilitar un  cambio que cremos imprescindible”.