Xunt@s Por As Pontes rexeita a adicación proposta polo PSOE para os seus concelleiros

O pasado xoves 18 de xuño, a voceira do grupo municipal de Xunt@s por As Pontes, Jéssica Fernández Polo foi convocada xunto cos voceiros dos outros grupos con representación no concello, a unha xuntanza na que a voceira do PSOE expuxo a proposta do equipo de goberno de cara ao chamado “pleno de organización”.

Nesta xuntanza informoúsenos da intención do PSOE de aumentar o número de adicacións exclusivas que teñen actualmente, pasando de 3 a 5, e incluír tamén 2 adicacións parciais. A isto sumaríaselles o feito de seguir contando cun asesor.

A todos os grupos da oposición se nos propuxo contar cunha adicación parcial para un dos nosos concelleiros (uns 14.000 euros anuais) e cun teléfono móbil.

Dende Xunt@s por As Pontes, así como, dende os outros grupos da oposición, fíxose fincapé noutros aspectos tales como a necesidade de contar cun espazo físico dentro do concello para poder desenvolver adecuadamente a nosa labor ou que se nos facilite o acceso á información.

Reunidos en asamblea, Xunt@s por As Pontes decidiu rexeitar o ofrecemento do PSOE por considerar prioritarias outras cuestións antes que recibir un soldo. Explica Jéssica Fernández Polo “ Solicitamos que se nos concedan cousas que non custan cartos, como deixarnos un local para a oposición, e mentres non haxa disposición a facilitarnos isto non vemos sentido a aceptar unha adicación para alguén que non vai ter nin un lugar no que sentar no concello”.

Asimesmo consideramos excesivas as adicacións que pretende plantexar o PSOE para un concello coma o noso e rexeitamos frontalmente a existencia dun asesor. [amigus.org]

Comentarios (1)

Comentarios Cerrados

Comentarios (1)